Un evento científico, social e artístico

Lugo alberga o Festival da Biosfera. Un evento científico, social e artístico que xira ao redor da cultura da auga e dos bosques. Ten como obxectivo poñer en valor, preservar e difundir a enorme riqueza desta cultura, relacionándoa coas Reservas da Biosfera da provincia.

A cidade será punto de encontro e referencia para a divulgación, o debate e o lecer.

  A auga e os bosques
Valor ambiental, económico, social e cultural

Galicia é o país dos dez mil ríos. A complexa rede que tecen os seus caudais sobre o noso territorio e o seu transcendental impacto sobre as nosas vidas pasan a miúdo desapercibidos para o conxunto da cidadanía. O Festival da Biosfera ten como obxectivo fundamental dar visibilidade á cultura fluvial e dos bosques e o seu valor ambiental, económico, social e cultural. Buscamos concienciar os cidadáns da importancia vital de preservar os nosos bosques, os nosos ríos, a calidade das súas augas e a contorna na que se insiren.

O maior símbolo fluvial de Galicia, o Miño, pasa pola capital lucense e deixa a súa fonda pegada na vida da cidade. Un río que define o carácter da capital lucense e que a posiciona dentro de “Terras do Miño”, a segunda maior reserva da biosfera do Estado. Será polo tanto, xunto aos bosques que atravesa, un dos protagonistas principais deste Festival da Biosfera e dos distintos eventos programados ao longo de todo o mes.

  Divulgación científica e activismo social

A filosofía que guía este Festival artéllase ao redor de dous eixes temáticos que condicionan e vertebran toda a programación:

  • Divulgación científica. Queremos achegar á cidadanía información e coñecemento sobre a biodiversidade e a interacción co medio a través de conferencias, conversas, visitas guiadas…
  • Activismo e interacción social. Un espazo propio para as múltiples iniciativas individuais e colectivas ao redor da biosfera, os seus ríos e bosques.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*