Paseo do Río Rato
27002 Lugo
España
40 prazas | Actividade familiar.
Ruta arredor do Centro de Interpretación de aproximadamente 1.300 metros e entre 10 e 12 paradas interpretativas.
O lema do Día Mundial do Medio Ambiente 2017 é “Conectando a xente coa Natureza, na cidade e no campo, dende os polos ao ecuador”.
Este lema anima a saír ao aire libre para apreciar a beleza e a importancia do noso medio ambiente. Todos nós, queiramos ou non, dependemos da natureza, da nosa relación con ela.
Para celebrar esa relación vital, proponse unha camiñada polo ecosistema que rodea o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Nesa camiñada fixarémonos precisamente nas relacións que existen entre os membros dese ecosistema e prestaremos especial atención á relación humana con eses outros membros.
Achegarémonos ao río para ver como uns depredadores capturan as súas presas. No bosque descubriremos como compiten as plantas pola luz e polo alimento, e veremos como algúns organismos colaboran para obter un beneficio común. Ademais, intuiremos a presenza duns seres fundamentais que descompoñen os materiais e permiten que a vida siga fluíndo.
Estas relacións son as que lle dan estrutura ao ecosistema. E por riba de todas elas está a nosa intervención. Durante a camiñada analizaremos pistas que nos falan das variadas conexións que tiveron as persoas con ese espazo ao longo da historia.
Todo na natureza son relacións, e moitas veces a nosa consiste en explotala ata a aniquilación. Debemos mellorar a nosa actitude e mudala por unha máis respectuosa e sustentable se realmente nos preocupa o futuro dos que veñan despois de nós.
O paseo estará guiado polo guía de Sendeirismo Ornitolóxico Xoán Puente de www.venveraves.com